Opinión

¡Pasta xa?

Xosé Manuel Pereiro

viernes, 13 de diciembre de 2002
---
A día de hoxe hai tres cousas que me poñen auténtico medo, as tres máis que probables. Que esto non se acabe nunca, que veña a terceira marea negra e que comecen a proliferar os festivais de solidariedade.Perdoen que me poña antigo e metalúrxico, pero a caridade, ou a solidariedade coa que a veces se confunde, ponme dos nervios, porque é un sucedáneo da xustiza. Non a caridade puntual para remediar no posible casos concretos mentres a xustiza non ten trazas de chegar, nin a solidariedade entendida como asunción activa dos problemas dos demais. Falo de actitudes que se están producindo e que me recordan pola súa eficacia e a súa intención as visitas de Carmen Polo de Franco ós afectados das riadas que botaban no NO-DO.Xa sei que son emocionantes posturas como as da xente dese lugariño de Guadalajara que decidiu non celebrar as festas de Nadal, e doar o aforro ós afectados polo Prestige. E tampouco ignoro que os afectados, as confrarías e os grupos ecoloxistas necesitan cartos. Falo dese persoal que encontra nas desgracias alleas o seu hábitat natural, como a polilla na roupa húmida. Ese arquetipo Bob Geldorf, que pasou de ser un mal cantante punk a un pésimo organizador de festivais solidarios nos que os beneficiados nunca vían unha cadela. Tampouco ignoro que quizais sexa máis doado axudar ós necesitados do terceiro mundo que conseguir que o goberno de turno devolva o que roubou, aínda que sei dun que atopou mantas eléctricas nun almacén da Direçao Geral para a Prevençao e Resoluçao das Calamidades de Mozambique (popularmente, "as Calamidades", que é onde van parar as axudas a aquel país).Pero resulta que somos cidadáns dun estado que cobra impostos, bastantes para o que fai, e o avión que se estampou hai días (primeiro de 70 e pico que se van comprar) custaba mais dos 60 millóns de euros aprestados para remediar o do Prestige. E especialmente repugnante é ese espectáculo dos políticos que se ufanan en vir con cartos no peto, como se pasaran previamente polo caixeiro a retiralos da súa conta persoal (logo de avisar ás televisións), e como se non estivera claro que con eles, ademais doutros buracos, pretenden tapar as bocas.Así que doen canto lles pida o corazón, a cabeza ou o peto, pero eu esixiría que o Estado, en canto se serene e se deixe de guiar polos telediarios, aporte exactamente as mesmas cantidades doadas, e os afectados se gasten a pasta en farras ou no que queiran. A caridade, como decía Ambrose Bierce, é aportar cinco dólares para aliviar ó propio avó, que está nun asilo, e publicalo nun periódico.

Comentarios

Para escribir un comentario debes identificarte o registrarte.