Reportajes
Avance da temporada 2008/2009 da Real Filharmonía de Galicia
Maximino Zumalave © Real Filharmonía de Galicia
Antes do inicio da tempada, a orquestra participará, baixo a batuta de Paul Daniel e acompañada polas voces da soprano Mariola Cantarero e o barítono Fabio Capitanuci, na Gala Lírica do Festival da Ópera da Coruña. Non será esta a única actuación da RFG fóra da súa sede. Está previsto un concerto no Teatro Monumental de Madrid, acompañada pola pianista Cristina Bruno, así como unha especial cita co Palau da Música Catalá, no ano do seu centenario, polo que o 9 de marzo, a orquestra, baixo a batuta de Ros Marbà rememorará un programa composto por estreas históricas mundiais que tiveron lugar no Palau barcelonés ao longo do seu século de historia, como o Cant espiritual de Montsalvatge, o Concerto para violín de Alban Berg, o Concerto para clave de Manuel de Falla ou o Concerto de Aranxuez de Joaquín Rodrigo, que se presentou por primeira vez en 1944. Xa en maio, a RFG viaxará ata Sevilla, para actuar no Teatro da Maestranza.

Antoni Ros-Marbà durante un concierto
Fotografía © 2008 by Real Filharmonía de Galicia
Fotografía © 2008 by Real Filharmonía de Galicia
Destacados solistas
A temporada segue o mesmo esquema das anteriores, co que, ademais do concerto de inauguración na catedral compostelá, o público gozará cos tradicionais concertos de Reis e Nadal. Este último, que terá lugar o 19 de decembro suporá a conmemoración especial dun aniversario: o mestre Ros Marbà celebrará coa Novena Sinfonía de Beethoven o seu noveno ano á fronte da orquestra compostelá, que actuará acompañada da Sociedade Coral de Bilbao coa que repetirá concerto o 22 de decembro na capital biscaíña.
Ademais, polo Auditorio de Galicia pasará un selecto grupo de directores e solistas, entre os que destacan as batutas internacionais de David Atherton, Anne Manson, Tuomas Ollila-Hannikainen, Frans Brüggen, Theodor Guschlbauer, así como as de Pablo González, José Ramón Encinar, Max Valdés e Juanjo Mena. A eles sumaranse os violinistas Daniel Hope, Cho-Liang Lin e Viviane Hagner, os cellistas Adolfo Gutiérrez e Asier Polo, o viola Lawrence Power, o trompa Eric Terwilliger e os pianistas Paul Crossley, Herbert Schuch, Jorge Federico Osorio, Tzimon Barto, Luís Fernando Pérez, Cristina Bruno, Andrei Gavrilov e Nikolay Lugansky, quen pechará a tempada en xuño de 2009.
No plano vocal destacan as actuacións de Mélanie Diener, Soojin Moon e Stephanie Houtzeel e a actuación, en decembro, da prestixiosa Sociedade Coral de Bilbao, que porá voz á Novena de Beethoven. Ademais, ás xa tradicionais visitas da veciña Orquestra Sinfónica de Galicia uniranse, en febreiro, a Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias e a Orquestra Sinfónica de RTVE. Trátase, polo tanto, dunha música variada e para todos os gustos, destinada a conformar unha oferta cultural de primeira orde na cidade de Santiago de Compostela.
Concertos didácticos
Como vén sendo habitual desde 1996, a Real Filharmonía e o Auditorio de Galicia programarán sesións de concertos didácticos dirixidos a escolares galegos. Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os programas adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento da música sinfónica entre os máis pequenos. Ademais pon a disposición dos centros escolares guías didácticas para traballar no aula previamente. Todos eles estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave.

La Real Filharmonía de Galicia durante un concierto
Fotografía © 2008 by Real Filharmonía de Galicia
Ensaios abertos. A novidade da tempada
Como novidade este ano, a orquestra abre os seus ensaios ao público nunha iniciativa que pretende ser unha forma diferente de achegarse ao traballo cotián da Filharmonía. Organizados en colaboración co Auditorio de Galicia, un total de 8 ensaios xerais doutros tantos concertos de abono serán accesibles gratuitamente para colectivos cidadáns de Santiago e o público en xeral. Ademais, unha vez terminado o ensaio realizarase un encontro informal co director da orquestra.
Música na Compañía
Logo da experiencia pioneira que supuxeron os nove concertos de cámara celebrados durante a temporada pasada, diferentes formacións da orquestra compostelá volverán ser protagonistas do ciclo “Música na Compañía”. Organizado pola Vicerreitoría de Cultura en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, o ciclo pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ata o corazón da cidade histórica de Compostela. Así, á calidade artística dos diferentes compoñentes da orquestra santiaguesa, únese o carácter monumental da igrexa da Compañía, verdadeira xoia do barroco. Este novo proxecto artístico, impulsado desde a Real Filharmonía, permite ao público gozar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión agrúpanse en cuartetos e quintetos e interpretan un variado repertorio de música de cámara. A capacidade e a singularidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen, nestas formacións de cámara, a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela, presentando, como hoxe, proxectos de música de cámara.
Comentarios